Os meus pensamentos corren paralelos ás verdes augas tropicais que atravesamos neste ferri. Salvamos así a distancia entre a Maior das Antillas e a sétima.
Sorprende a calidade do servizo. A “lancha” resultou ser un barco climatizado (case conxelado, como lles gusta aos cubanos), que atravesa estas 60 millas até a Isla de la Juventud en dúas horas e media. Quizais un pouco caro para os cubanos- 55 pesos moeda nacional, con salarios que rondan os 350 mensuais, sen ter en conta a remesa nin o “invento”, por suposto.
As conversas sucédense, e unha delas é precisamente sobre esta cuestión. As contas do Estado están botadas tomando en conta a remesa e máis o que se inventa. Teñen o complicado reto de converter todo canto se substrae ilegalmente a pequena escala en salario regulado. Algo ben difícil, cando un vicio así xa está socializado amplamente. Para encamiñarse cara iso xa se puxo en marcha o chamado “cuentapropismo”. É un paso pero, claramente, non abonda.
Outro tema que sae á palestra é a seguridade. A desconfianza dos cubanos nados na Cuba “interior”- todos os que non son da Habana, para entendernos- cara a capital. Aquí debemos destacar que os habaneiros sofren como os que máis o síndrome do “parroquiano de cidade”, e o seu desprezo cara as provincias é palpábel, sobre todo canto máis ao Oriente se atopan- aínda que semella ás veces que Oriente chegue até Villa Clara. A seguridade, dicía, é case absoluta nas rúas da capital cubana, pero cústalles recoñecelo ao principio, sobre todo porque fóra da capital a seguridade é, se cadra aínda, maior. Ao final aceptan que é un lugar ben tranquilo. Dous factores son clave: o primeiro a ideosincrásea cubana, unha vez máis; o segundo, aínda que en moita menor medida, a presenza policial. Ademais, este factor só sería atribuíbel á Habana e a Santiago se se quere, porque no resto do país é ben máis difícil ver as patrullas en alerta, fóra dos puntos de gardafronteiras.
Escrito por xabivillares el 15/08/2011 22:39 | Comentarios (1)
Nas últimas semanas en Cuba estiven a facer unha serie de viaxes que valen a pena relatar en boa medida, así como certas reflexións que coido servirán para completar a visión de todo este ano.
Era a miña intención transcribir todo dende a Illa, pero os últimos días na Habana estiveron algo máis enredados do que eu agardaba entre despedidas e papeis de última hora, polo que me foi imposíbel cumprir debidamente co que me estabrecera.
Coido entón que é a miña responsabilidade rematar esa tarefa autoproposta de ofrecer unha imaxe de conxunto do que significa este país, polo que nestas semanas irei sacando unhas breves crónicas escritas nesas derradeiras semanas- polo momento-, que agardo vos resulten interesantes e sexan de utilidade.
Escrito por xabivillares el 03/08/2011 17:30 | Comentarios (0)
Cultura e deporte son dúas esferas da vida estudantil que se tratan de fomentar e coidar con gran énfase nesta Universidade. Xa vos falara noutra ocasión dos Xogos Caribe, que case que paralizan a vida das Facultades durante semanas. Outro evento de magnitudes non semellantes, pero si proporcionais por participación, son os Festivais de Cultura.
Primeiro organízanse uns contra o mes de Xaneiro coñecidos como Festivais Interano, onde toda a xente da Facultade é libre de participar. Fanse bastantes cousas: dende monólogos até bailes, teatro, obras instrumentais…etc.
Dos seleccionados do Interano- que non deixa de ser unha especie de adestramento- sae a xente do Festival de Cultura de cada Facultade, que ten lugar ao redor do mes de Abril. Aquí xa hai un nivel máis considerábel, e faise en teatros máis grandes, que adoitan encherse. Hai un xurado de profesionais das artes que selecciona aos participantes de cada Facultade para representar á mesma nun posterior Festival.
Finalmente, os devanditos seleccionados participan no Festival da Universidade da Habana, acontecemento que transcorre xa no mes de Maio.
A FEU xoga un papel ben activo en todo este proceso, buscando xente con cualidades aula por aula para lograr o mellor Festival da Universidade, e para ter os máximos representantes na final. No caso de Económicas, seica temos unha rivalidade secular ca xente de Dereito.
Así pois, montamos unha pequena formación instrumental de tres na Facultade e aló fomos. Non había batería, así que tiven que tocar o caixón- nestes intres é cando te das conta do trascendental que resulta saber tocar a gaita. E chegamos á final da UH. Non gañamos, por certo, pero collemos mención, que non está mal- en serio, había corais, solistas profesionais… moi bo. Aló coñecín tamén a un gaiteiro habaneiro chamado Xadier, cuxo irmán se chamaba Xabier- cousas dos cubanos cos nomes, xa vos comentara, que en fin…-, que participou tamén no Festival. Pero iso queda para outra xeira, que logo seica me quedan artigos un tanto tortuosos.
Saúdos!
Escrito por xabivillares el 24/06/2011 02:30 | Comentarios (1)
En Cuba acontecen cousas inusuais - boas, malas e regulares. É un país que ten esa capacidade do impredicíbel. Que un país subdesenvolto sexa punteiro mundial en innovacións no campo da biotecnoloxía forma parte desta característica, pero dende logo non é casual.
Nos anos 80 comézase a investir fortemente no sector, e nos 90, ca chegada da crise e o período especial, decídese continuar adiante a pesar das dificultades que atravesa o país, polo impacto que produciría no mercado interno e na saúde da poboación, e porque se ben era substituto de importacións, pronto sería tamén produtor de mercancías exportábeis.
Dous factores considéranse clave no éxito da estratexia seguida: a formación no país de forza de traballo altamente cualificada e a propia condución planificada da economía, que permitiu tamén fixar uns obxectivos en función de intereses non puramente mercantís.
Actualmente, Cuba exporta produtos bioteconolóxicos a máis de 40 países por valor de 300 millóns de $ anuais, conta cunhas 900 patentes rexistradas, ten empresas mixtas en varios países e acordos de colaboración para transferencia de tecnoloxía con outros: Brasil, Arxentina, Irán, Arxelia, Exipto… Neste punto, cabe destacar dous importantes acordos con EEUU- si, si, os Estados Unidos de Norteamérica, os mesmos que os teñen bloqueados dende hai 50 anos- para venda de dous produtos. Un deles é o coñecido como Simager, contra cancro de cabeza, pescozo e gorxa.
Por outra banda, miles de persoas de todo o planeta veñen a Cuba cada ano en busca de solucións médicas ás súas doenzas. Os últimos avances xiran en torno ao cancro de pulmón, onde nos últimos anos se traballou con éxito nunha vacina terapéutica para a fase terminal, que nos últimos meses foi incorporada aos tratamentos do sistema sanitario universal cubano.
Non obstante, o enfoque da investigación e o carácter público dos investimentos do país, permite que estean obxectivamente interesados nas vacinas preventivas máis que nas terapéuticas. Non se ve a enfermidade como negocio, se non como lacra social que exterminar. Para estarmos claros: se algún día se atopara unha vacina contra o VIH, só podería saír dun sitio coma este.
Escrito por xabivillares el 20/06/2011 00:07 | Comentarios (2)
Seguindo a Xosé Neira Vilas- e, en parte, ao mesmo Castelao- tres importantes símbolos galegos naceron en Cuba a comezos do século XX:
- A bandeira. Os emigrantes galegos precisaban unha bandeira propia ca que se identificar neste país, onde a cubana estaba presente en cada lugar. Lembraron aquela branca de franxa azul que viran na Coruña cando o buque deixaba atrás terra. Era esta a insignia da comandancia portuaria. Adoptárona e pediron consello por carta ao historiador Manuel Murguía, quen lles animou a seguir ca idea, ademais de mandar adxunto un debuxo cas proporcións que debía ter a susodita. Así, ondeou por vez primeira o 25 de Xullo de 1904 na Habana, e en Galiza en 1906.
- O Himno. Como xa levamos explicado, nace por iniciativa do emigrante ferrolán, debuxante litógrafo, José Fontenla Leal, quen mantivo correspondencia con Eduardo Pondal e Pascual Veiga, autores respectivamente da letra e a música do Himno Nacional. É estreado o 20 de decembro de 1907 no Teatro Nacional do Centro Galego. No acto, o poeta Curros Enríquez lería “A Alborada”-na súa derradeira aparición pública antes do seu pasamento poucas semanas despois-, e contaría ca presenza de autoridades como o alcalde da cidade, o gobernador provincial e boa parte da intelectualidade cubana. O Himno tardaría aínda algo máis dun lustro en ser presentado oficialmente en Galiza, nunha homenaxe a Rosalía de Castro en Pontevedra, o 19 de Xaneiro de 1913
- A Real Academia. De novo, o papel desenvolvido por Fontenla Leal foi decisivo. É el quen convence a Curros Enríquez para encabezar a iniciativa, constituíndose en Xuño de 1905 a Asociación Iniciadora da Academia. Inmediatamente despois póñense en contacto con Murguía, quen impulsa a creación da Academia en Galiza, quedando esta constituída oficialmente na Coruña no ano 1906. A Asociación Iniciadora, dende A Habana, sufragará tamén os gastos da Institución galega durante décadas.
Son este tres exemplos claros de que a colectividade galega emigrada non perdera, como conxunto, o seu sentido de pertenza á Patria, xa for Patria “pequena” para algúns, xa for a Patria, sen máis, para os máis conscientes.
O sentimento aínda hoxe intuitivo para a maior parte do pobo galego do que somos, tan de atrás, e tan falto nestes días de eclosión para verquir o que nós significamos sobor da nosa propia Terra, e tamén do mundo que está ao noso redor. Que podo escribir disto eiquí que non estea xa escrito, ben máis fermosamente, por tantos e tan bos dende os Precursores hai xa máis dun século e medio?
Pois iso. Saúde e Patria.
Escrito por xabivillares el 14/06/2011 00:11 | Comentarios (4)
Que voz. Que clase de voz… iso foi, honestamente, o primeiro que pensei cando comezou o concerto. O primeiro que lle dixen a Alberto. Foi antonte, nos xardíns do ISA (Instituto Superior de Arte).
Eramos ben pouquiños. O concerto decidírase- decidiuno- facer dous días antes, nunha comida en casa de Pablo. Cónstame ben. Así que non houbo tempo de anunciar demasiado, pero Pablito cantaría no 35 aniversario do ISA para os estudantes de arte da Habana- e para os que non, pois tamén.
E, efectivamente, pois que voz. Aos seus 68 anos, simplemente foi abraiante desfrutar daquel espectáculo. Amábel e agradecido, de radiante branco, aló subiu. Concerto variado, de estrea con novas versións de temas clásicos, tocou dende “Yolanda”, “Proposiciones” e “Reina de Colores”, até temas do novo disco “Regalo”. Incríbeis solos do saxofonista Germán Velasco inundaban unhas cancións cheas de cor e vida, revitalizadas. O único que botei de menos, foi algunha letra de contidos subersivos de antano, que disque algunha tiña feito. Non foi desta.
E nun par de semanas, xira por Europa, seica. Un non parar.
As fotos, mañá, onde sempre: http://xabivillares.tumblr.com/
Escrito por xabivillares el 12/06/2011 01:38 | Comentarios (1)
Neste semestre celebrouse na Facultade e en toda a UH a Jornada Científica Estudiantil. Estas xornadas, de celebración anual, serven de exposición dos traballos finais de calquera materia realizados durante o curso polo estudantado en tódalas áreas do coñecemento, así como anteproxectos de tese, e ademais son un inestimábel adestramento académico, pois todos sen excepción deben elaborarse co esquema típico de tese.
No caso da nosa Facultade, a JCE Ernesto Guevara estivo dedicada neste ano- de carácter nominal, non varía o contido da Xornada certamente- ao 50 aniversario das Declaracións “Cuba: territorio ceibe de analfabetismo” e do “Carácter socialista da Revolución”. Os traballos preséntanse en torno a cinco eixos en respectivas comisións: planificación ao debate; a empresa socialista,; retos actuais da economía cubana; desenvolvemento, integración e economía mundial; e transición ao socialismo.
Conxuntamente, celébranse nesas datas talleres de informatización, historia ou defensa- si, defensa-, así como concursos de matemáticas, inglés, economía cubana etc. Tamén ten lugar neste marco o Campeonato Interaño de Ortografía, que pode parecer unha carallada, pero nun país onde o “c”, o “z” e o “s” pronúncianse indistintamente, a cousa ponse realmente “sabrosa”, como din eiquí. Teñen lugar tamén diversos ciclos de conferencias, co que é un evento bastante completo.
Eu pola miña banda presentei un traballiño para a Comisión de Planificación, “Historia da Planificación no Estado español”, que aínda saíu bastante ben parado, baixo unha pregunta-hipótese ao redor de que tipos de planificación hai no capitalismo, e máis concretamente no caso peninsular. Os interesados en tan apaixonante tema poden poñerse en contacto comigo, que até llelo mando e todo.
Escrito por xabivillares el 09/06/2011 23:18 | Comentarios (1)
Cuba é cinema, entre moitas outras cousas. Pero resulta abraiante o arraigado que este arte está neste país, na xente, na súa produción, no que aquí se fai.
Isto ten como consecuencia, por unha banda, unha produción nacional de gran calidade e recoñecemento internacional. Neste ano déronse algúns films soados na Illa, como a lixeira “Afinidades” ou a tráxica “Boleto al Paraíso”, pero realmente o ICAIC (Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos) leva enxendrado e parido- valla a expresión- verdadeiros clásicos do cine universal nestes 50 anos, dende o monólogo interior de “Memorias del Subdesarrollo” até a hipergalardoada “Fresa y Chocolate”, sobrepasando calquera tipo de censura- para sorpresa de moitos- e mostrando que aquí poden facerse e fanse cousas extraordinariamente boas. Particular mención a imprescindíbel- e xa case desaparecida nas librarías- guía recentemente editada polo propio ICAIC, “Los cien caminos del cine cubano”- 500 páxinas cheas de información de primeira a adquirir por uns 70 cts de €.
Por outro lado, numerosos festivais de cinema se celebran na capital habaneira ao longo do ano. Xa vos falara no seu momento do Festival Internacioanl de Nuevo Cine Latinoamericano, celebrado en Decembro, e no que a xente adoita ver, en menos de tres semanas, 40 ou 50 películas- fan verdadeiras competicións nisto. Recentemente veuse de celebrar o Festival de Cine Español, onde o máis agardado foi o premiado documental "Bicicleta, cuchara, manzana" de Pasqual Maragall, presentación á cal asistiu o propio Maragall.
Neste intre está en marcha o XIV Festival de Cine Francés en Cuba, que ocupa tódalas salas relevantes da capital e moitas outras por todo o país. De novo, presentacións de luxo en cada ocasión, con actuacións en directo como a do actor e músico Louis-Ronan Choisy na estrea de “Le Refuge”, ou a aparición da actriz cubana Yahima Torres, protagonista do film “Vénus Noire”, baseado en arrepiante historia real.
En definitiva, este país, tan cheo de cultura e visións do mundo, tan cargado de esperanza e de contradicións, irradia un xenio propio dunha luz insobornábel. Madia leva. E que mellor forma de expresala que a través da imaxe e o son, penso. E vai ser iso…
Escrito por xabivillares el 06/06/2011 20:30 | Comentarios (4)
- O inexistente respecto que hai polos carros na estrada; a xente cruza polo medio e medio das avenidas, ao seu serodio paso. De feito, os carros pitan cando ven aos peóns como a 20 metros, e van decelerando até que aqueles rematan de pasar. Abraiante.
- Botarse adurmir en calquera intre e lugar, de xeito que agachan a cabeza entre os brazos e botan un sono, no autobús, nos 5 minutos entre clase e clase…etc
- No carné aparece a suposta raza do seu usufrutuario, cando resulta case que imposíbel determinar a raza exacta de alguén neste país se non é por análise xenético:cor dos ollos, da pel, o pelo, os beizos, as cadeiras…cada parte do corpo di unha cousa diferente, e todo o mundo ten brancos e negros ou se cadra indios e asiáticos na familia.
- A pasta dedentes que se emprega como adhesivo universal. Iso aprendino na FEU, e a verdade é que lles funciona bastante ben!
- Os nomes dos cubanos sonvos un verdadeiro relatorio de imaxinación, e ás veces do insulto cara os fillos: Yuneisi, Oslyn, Yunesisleidi, Usnavy (que ven de U.S. Navy), Yotuel (nosotros, vosotros…), Yasmani, Yordanis… e tamén moito nome francés como Ivette ou Lisset… están pirados.
- Os 3 matrimonios de media por persoa, e é que aos cubanos encántalles casarse, pero máis aínda divorciarse. Eu só coñezo a unha persoa nesta illa- cando menos que ronde a vintena- que teña aos pais casados dende antes que el nacera, non tiveran matrimonio nin fillos antes, e sigan xuntos. E debín falar disto como con 40 persoas. A muller ten moita liberdade neste país realmente para decidir sobre o seu corpo e sobre o seu futuro, e por outrabanda esta xente échevos moi fogosa e logo cambia de parecer ca parella. Cuba é así.
- Celebran cada aniversario coma se fora o derradeiro, montan festas cantas poden con isto, e é algo que aparece en tódolos murais de centros de traballo e estudo. Parabenízanse co corazón este día.
- As unllas das mulleres, da maioría cando menos, teñen detrás horas de traballo. Fanse figuriñas nelas, e todo con cores chamativos. É unha desas características polas que distingues a unha cubana dunha estranxeira. Abofé.
Escrito por xabivillares el 04/06/2011 18:44 | Comentarios (1)