Xabier I Villares; distrito: La Habana

Histórico VI Congreso do PCC (I)

Dende o pasado 16 de Abril até o día 19, e facéndoo coincidir cos 50 anos da vitoria de Playa Girón, celebrouse o VI Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC), cunha participación duns 1000 delegados, e de extraordinaria relevancia por diversas razóns.

 

En primeiro lugar, debemos destacar que, se ben historicamente os Congresos do PCC non se caracterizaron nunca pola proximidade entre os mesmos no tempo, o V Congreso celebrárase en 1997, co cal había 14 anos que non se convocaba este importante evento.

 

En segundo lugar, a profundidade do debate eos temas a tratar tiveron unha trascendencia alén de todo o aparencial ao ser ocentro do mesmo o Proxecto de Liñamentos da Política Económica e Social do Partido e a Revolución, documento que quedará para a historia e que en definitiva foi guía de tódalas reformas que de facto se están a aplicar durante este último ano. Trátase de revisar e reartellar o Modelo Económico despois de 20 anos de parálise no “sal se podes” ao que se viu sometida Cuba.

 

En terceiro lugar, o contexto no que se celebra, tanto nacional como internacional, é complicado. Dentro do país, a situación económica de permanente crise na que viviu o país dende a caída do CAME, fixo fendas no modelo e na sociedade cubana difíciles de obviar. Por outra banda, o país ten contraídas fortes débedas co exterior que terá que resolver nalgún intre (a débeda con China está renegociada para 2015), ademais da dependencia do ciclo político en Venezuela e da relevancia que ten para Cuba as eleccións do 2012 na República Bolivariana.

 

En cuarto lugar, será a primeira vez que Fidel non ocupe o Secretariado Primeiro do Partido, que se ben xa o abandonara en2008- pequeno detalle que explicou nunha Reflexión hai cousa dun mes, mentres falaba do periplo de Obama por América- produce un impacto político tanto dentro- ortodoxia comunista do Partido- como fóra- para ben e para mal.

 

O acontecemento inundou o país durante os meses previos e durante os días de celebración, pero neste intre segue a ser o principal tema de conversa na maioría dos círculos. E é que, dende as medidas xa tomadas antes do mesmo,até o lido por Raúl no Informe Central e as modificacións realizadas aos Liñamentos, o certo é que aínda que non sexan en realidade os máis relevantes,os cambios estanse a percibir xa na rúa. E a simple percepción move máis que a esencia… os primeiros meses.

Comentarios

No hay ningún comentario

Añadir un Comentario: