Xabier I Villares; distrito: La Habana

Biotecnoloxía en Cuba

En Cuba acontecen cousas inusuais - boas, malas e regulares. É un país que ten esa capacidade do impredicíbel. Que un país subdesenvolto sexa punteiro mundial en innovacións no campo da biotecnoloxía forma parte desta característica, pero dende logo non é casual.

Nos anos 80 comézase a investir fortemente no sector, e nos 90, ca chegada da crise e o período especial, decídese continuar adiante a pesar das dificultades que atravesa o país, polo impacto que produciría no mercado interno e na saúde da poboación, e porque se ben era substituto de importacións, pronto sería tamén produtor de mercancías exportábeis.

Dous factores considéranse clave no éxito da estratexia seguida: a formación no país de forza de traballo altamente cualificada e a propia condución planificada da economía, que permitiu tamén fixar uns obxectivos en función de intereses non puramente mercantís.

Actualmente, Cuba exporta produtos bioteconolóxicos a máis de 40 países por valor de 300 millóns de $ anuais, conta cunhas 900 patentes rexistradas, ten empresas mixtas en varios países e acordos de colaboración para transferencia de tecnoloxía con outros: Brasil, Arxentina, Irán, Arxelia, Exipto… Neste punto, cabe destacar dous importantes acordos con EEUU- si, si, os Estados Unidos de Norteamérica, os mesmos que os teñen bloqueados dende hai 50 anos- para venda de dous produtos. Un deles é o coñecido como Simager, contra cancro de cabeza, pescozo e gorxa.

Por outra banda, miles de persoas de todo o planeta veñen a Cuba cada ano en busca de solucións médicas ás súas doenzas. Os últimos avances xiran en torno ao cancro de pulmón, onde nos últimos anos se traballou con éxito nunha vacina terapéutica para a fase terminal, que nos últimos meses foi incorporada aos tratamentos do sistema sanitario universal cubano.

Non obstante, o enfoque da investigación e o carácter público dos investimentos do país, permite que estean obxectivamente interesados nas vacinas preventivas máis que nas terapéuticas. Non se ve a enfermidade como negocio, se non como lacra social que exterminar. Para estarmos claros: se algún día se atopara unha vacina contra o VIH, só podería saír dun sitio coma este.

Comentarios

Contra o dengue, efectivamente. Que llo pregunten se non aos haitianos...!

Tiña entendido que no CIGB é onde se atopan as investigacións máis avanzadas en canto ó dengue...Eso é ter potencialidades, e non adicarse á maquila...

Añadir un Comentario: