Xabier I Villares; distrito: La Habana

Festivais de Cultura da UH


Cultura e deporte son dúas esferas da vida estudantil que se tratan de fomentar e coidar con gran énfase nesta Universidade. Xa vos falara noutra ocasión dos Xogos Caribe, que case que paralizan a vida das Facultades durante semanas. Outro evento de magnitudes non semellantes, pero si proporcionais por participación, son os Festivais de Cultura.

Primeiro organízanse uns contra o mes de Xaneiro coñecidos como Festivais Interano, onde toda a xente da Facultade é libre de participar. Fanse bastantes cousas: dende monólogos até bailes, teatro, obras instrumentais…etc.

Dos seleccionados do Interano- que non deixa de ser unha especie de adestramento- sae a xente do Festival de Cultura de cada Facultade, que ten lugar ao redor do mes de Abril. Aquí xa hai un nivel máis considerábel, e faise en teatros máis grandes, que adoitan encherse. Hai un xurado de profesionais das artes que selecciona aos participantes de cada Facultade para representar á mesma nun posterior Festival.

Finalmente, os devanditos seleccionados participan no Festival da Universidade da Habana, acontecemento que transcorre xa no mes de Maio.

A FEU xoga un papel ben activo en todo este proceso, buscando xente con cualidades aula por aula para lograr o mellor Festival da Universidade, e para ter os máximos representantes na final. No caso de Económicas, seica temos unha rivalidade secular ca xente de Dereito.

Así pois, montamos unha pequena formación instrumental de tres na Facultade e aló fomos. Non había batería, así que tiven que tocar o caixón- nestes intres é cando te das conta do trascendental que resulta saber tocar a gaita. E chegamos á final da UH. Non gañamos, por certo, pero collemos mención, que non está mal- en serio, había corais, solistas profesionais… moi bo.
Aló coñecín tamén a un gaiteiro habaneiro chamado Xadier, cuxo irmán se chamaba Xabier- cousas dos cubanos cos nomes, xa vos comentara, que en fin…-, que participou tamén no Festival. Pero iso queda para outra xeira, que logo seica me quedan artigos un tanto tortuosos.

Saúdos!


Comentarios

Hai que tocar a gaita, claramente...

Añadir un Comentario: