No medio do Mar Caribe ( I )
Traxecto Batabanó – Nueva Gerona 26-VI-11
Os meus pensamentos corren paralelos ás verdes augas tropicais que atravesamos neste ferri. Salvamos así a distancia entre a Maior das Antillas e a sétima.
Sorprende a calidade do servizo. A “lancha” resultou ser un barco climatizado (case conxelado, como lles gusta aos cubanos), que atravesa estas 60 millas até a Isla de la Juventud en dúas horas e media. Quizais un pouco caro para os cubanos- 55 pesos moeda nacional, con salarios que rondan os 350 mensuais, sen ter en conta a remesa nin o “invento”, por suposto.
As conversas sucédense, e unha delas é precisamente sobre esta cuestión. As contas do Estado están botadas tomando en conta a remesa e máis o que se inventa. Teñen o complicado reto de converter todo canto se substrae ilegalmente a pequena escala en salario regulado. Algo ben difícil, cando un vicio así xa está socializado amplamente. Para encamiñarse cara iso xa se puxo en marcha o chamado “cuentapropismo”. É un paso pero, claramente, non abonda.
Outro tema que sae á palestra é a seguridade. A desconfianza dos cubanos nados na Cuba “interior”- todos os que non son da Habana, para entendernos- cara a capital. Aquí debemos destacar que os habaneiros sofren como os que máis o síndrome do “parroquiano de cidade”, e o seu desprezo cara as provincias é palpábel, sobre todo canto máis ao Oriente se atopan- aínda que semella ás veces que Oriente chegue até Villa Clara. A seguridade, dicía, é case absoluta nas rúas da capital cubana, pero cústalles recoñecelo ao principio, sobre todo porque fóra da capital a seguridade é, se cadra aínda, maior. Ao final aceptan que é un lugar ben tranquilo. Dous factores son clave: o primeiro a ideosincrásea cubana, unha vez máis; o segundo, aínda que en moita menor medida, a presenza policial. Ademais, este factor só sería atribuíbel á Habana e a Santiago se se quere, porque no resto do país é ben máis difícil ver as patrullas en alerta, fóra dos puntos de gardafronteiras.