Xabier I Villares; distrito: La Habana

Choveu na Habana

Escrito por xabivillares 23-05-2011 en General. Comentarios (2)

Hoxe choveu na Habana, despois de meses sen caer nin pinga. Choveu, e sei que non é por azar.

                                                                                               

As grises nubes cinguidas a este ceo eternamente azul descargaban con tristura na tarde de domingo. Non había rabia, non había ira, non había tan sequera un chisco de insatisfacción, só tristura e dor, coma de quen sabe da súa sorte xa botada. Sospeitaba porqué.

 

Na cidade que veu nacer aos símbolos da Patria, á bandeira, ao Himno, sentiuse un pardo reflexo do que está a chegar na nosa Terra. O Fanguito encheuse de lama, e a nosa bandeira chorou as negras bágoas de Omara.

 

As aguias que os nosos devanceiros viron ensombrecer o seu porvir, volven tinguilo de moi azul escuro outra volta máis, con outras formas, doutros xeitos, co mesmo fin.

 

Tócanos entón de novo loitar nas tebras. Até cando…?

“O soño faise a man e sen permiso”; Concerto de Silvio Rodríguez

Escrito por xabivillares 18-05-2011 en General. Comentarios (8)

Silvio é figura clave no nacemento da chamada Nova Trova cubana, cun tamaño só comparábel ao de Pablito. Coñecido e recoñecido mundialmente como cantautor, aínda que con fama de difícil xenio para tratar, é moi apreciado e querido en Cuba. Pero o que está a facer agora é realmente grande.

 

O Domingo estiven nun concerto seu no barrio de Romerillo, en Playa, ao Oeste da Habana. “Como pode ser isto posíbel?” ,pregunteille a Alberto, compañeiro e profesor da Facultade. Era sorprendente de súpeto atoparse a Silvio cantando en medio da rúa nun barrio dos suburbios da Habana, diante dun puñado de persoas. El, que pode encher estadios. E é que resulta que está a dar unha xira por tódolos barrios problemáticos da cidade- ou  “barrios problemáticos”; deberiades ver o que os cubanos entenden por zonas perigosas, zonas onde por exemplo “unha vez un tipo chantoulle unha navalla a outro”, “cando?”, “creo que hai 3 ou 4anos…”, “…”.

 

Estes concertos, feitos a iniciativa propia, están pagados polo propio Silvio, ca intención de achegar a súa música a tódalas esquinas da cidade. Son ao aire libre, e neles invita a músicos de primeira liña do panorama cubano, caso do pianista Frank Fernández ou KelvisOchoa. Nesta ocasión, o trovador Polito Ibáñez foi o seu teloneiro.

 

Foi algo sinxelo: un escenario, unhas luces, unha bandeira cubana no fondo, e eles tocando. Un concerto de aredor dunha hora cheo de temas míticos como “La maza” ou “Canción del elegido”, sorpresas como unha acerca dos“pioneritos”, inspirada na súa estadía en Angola, e pechando ca eterna “Ojalá”.

 

Ademais, como eramos ben poucos, estabamos nas primeiras filas sen os abafamentos típicos.

 

O home leva uns 16 concertos e quedan outros 20 ao longo do ano. Así que trataremos de asistir a algún máis. Non tódolos días se pode ver a Silvio de gratis nun “problemático” barrio da Habana.

 

Algunhas fotos do acontecemento, mañá, xa sabedes:


http://xabivillares.tumblr.com/

Encontro da FEU co PCV

Escrito por xabivillares 16-05-2011 en General. Comentarios (2)


O Martes da pasada semana tivemos un pequeno encontro co PCV (Partido Comunista de Venezuela) na Casa da FEU da Habana.

 

Fun alí agardando atopar algo de diálogo con eles, pero non foi posíbel, xa que durante a hora que aproximadamente durou o encontro máis da metade do tempo empregouse en lles explicar en que consistía o aparato orgánico da FEU e da UJC na UH (Universidade da Habana)- o cal xa teño suficientemente recoñecido-, así que moito non puidemos intercambiar.

 

Da delegación, como era de agardar, viñeron sobre todo militantes das mocidades do Partido. E o certo é que, no pouco que puidemos conversar, atopeinos un tanto perdidos acerca dos problemas que enfronta a FEU hoxe na universidade cubana- en analoxía ao proxecto que están eles aconstruír, refírome-, e un tanto fascinados e distanciados da realidade que vive o país. Falamos un pouco tamén da súa autonomía fronte o PSUV  (Partido Socialista Unido de Venezuela) en tódolos frontes de loita, incluído o estudantil, e falaron con aberta desconfianza en torno ao proxecto que se está a construír a nivel organizativo-pero tamén ideolóxico.

 

Ían estar toada a semana por aquí, pero non volvín coincidir con eles. Quedáronme algunhas dúbidas sobre o efervescente Movemento Estudantil que seestá a dar en Venezuela, e o estado da súa universidade e a evolución que se está a dar, peroquedará para outra. En definitiva, agardaba máis do encontro, que podo dicir.

Nota Informativa- meidias económicas no xornal

Escrito por xabivillares 15-05-2011 en General. Comentarios (5)

Nota de prensa, transcrita ao galego, aparecida no diario Granma o pasado Martes 3 de Maio de 2011

 

En consideración ao incremento no prezo do café no mercado mundial, que en data similar do pasado ano ascendía a 1740 $ a tonelada de café robusta e na actualidade cotízase a 2904, para un aumento dun 69%, decidiuse producir novamente café mesturado con chícharo con destino á cota normada.

 

Ademais da causa anterior, nesta medida inflúen os baixos índices de produción nacional.

 

Pola súa banda, o prezo do chícharo no mercado internacional, seguindo a tendencia dos alimentos, aumentou no último ano en menor proporción, de 390 $ a tonelada a 500$, para un 30%. Como se aprecia, trátase de niveis de prezos moi inferiores aos do café.

 

Ante estes elementos de orde económico, determinouse fixarlle un prezo de 4.00 (CUP)* á bolsa de 115 gramos de café mesturado para apoiar os niveis que se continuarán entregando de forma normada á poboación.

 

Adicionalmente suprímese a cota normada que se entrega aos consumidores de 0-6 anos.

 

Estas medidas serán aplicadas a partir do presente mes.

 

Coa adopción destas decisións, aínda o Estado mantén un subisidio aproximado de 190 millóns de pesos anuais.

 

Ministerio de Comercio Interior

3 deMaio de 2011

 

*Prezo en moeda nacional ou peso cubano, ao cambio de 24CUP=1CUC. 1 CUC ou peso convertíbel equivale aproximadamente a 70cts de € no intre en que se escribe este artigo.

Acto coa profesora Mariela Castro Espín

Escrito por xabivillares 12-05-2011 en General. Comentarios (3)


Este martes asistín a unha actividade realizada na Casa da FEU sobre a erradicación da homofobia en Cuba e a presentación dunhas xornadas de tolerancia que terán lugar esta fin de semana nacidade, con motivo da celebración do Día Mundial contra a Homofobia -17 de Maio, que cousas. O acto contou ca presenza da directora do Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba (CENESEX), Mariela Castro Espín- filla do Presidente Raúl e da falecida ex Presidenta da FMC Vilma.

 

Dende fai anos véñense realizando enormes campañas na Illa buscando unha maior tolerancia sobre un tema tan difícil nesta rexión do mundo como é a homosexualidade e a cuestión dos transexuais. O obxectivo vense cumprindo a medias, pero o certo é que entre a xente nova parece existir cada vez menos sentimento de rexeitamento neste tema.

 

O discurso que atopei era cualitativamente diferente ao que se adoita ouvir nas nosas terras. Moitas referencias á explotación dos pobos e do home polo home, para sinalar a homofobia como unha traza máis das herdadas do colonialismo.

 

Moi atrás quedan os tempos das UMAP- onde até xente coma Pablito Milanés estivo nos anos 60-, para buscar agora un novo tipo de socialismo, verdadeiramente humanista no senso martiano, onde se recoñezan plenamente as diferenzas e se interpreten como enriquecedoras. Unha Revolución en ebulición, que recoñece os dereitos dos transexuais ao tempo que integra abertamente aos relixiosos nas filas do Partido, e abre os marcos da economía centralizada para buscar as solucións que se precisen, e seguir cara adiante.

 

Posteriormente, estiven a latricar un anaco con Mariela. Faloume de que era un traballo duro aquí o que estaban a realizar, pero que en realidade duro o é en tódolos sitios. Comenteille que era militantede Galiza Nova, e dixo que sabía ben de nós, e que estaban por aprobar uns marcos de colaboración connosco, seica. Que oportunidades da a vida, non si?