Xabier I Villares; distrito: La Habana

General

Símbolos galegos nados en Cuba

Escrito por xabivillares 14-06-2011 en General. Comentarios (4)

Seguindo a Xosé Neira Vilas- e, en parte, ao mesmo Castelao- tres importantes símbolos galegos naceron en Cuba a comezos do século XX:

-    A bandeira. Os emigrantes galegos precisaban unha bandeira propia ca que se identificar neste país, onde a cubana estaba presente en cada lugar. Lembraron aquela branca de franxa azul que viran na Coruña cando o buque deixaba atrás terra. Era esta a insignia da comandancia portuaria. Adoptárona e pediron consello por carta ao historiador Manuel Murguía, quen lles animou a seguir ca idea, ademais de mandar adxunto un debuxo cas proporcións que debía ter a susodita. Así, ondeou por vez primeira o 25 de Xullo de 1904 na Habana, e en Galiza en 1906.

-    O Himno. Como xa levamos explicado, nace por iniciativa do emigrante ferrolán, debuxante litógrafo, José Fontenla Leal, quen mantivo correspondencia con Eduardo Pondal e Pascual Veiga, autores respectivamente da letra e a música do Himno Nacional. É estreado o 20 de decembro de 1907 no Teatro Nacional do Centro Galego. No acto, o poeta Curros Enríquez lería “A Alborada”-na súa derradeira aparición pública antes do seu pasamento poucas semanas despois-, e contaría ca presenza de autoridades como o alcalde da cidade, o gobernador provincial e boa parte da intelectualidade cubana. O Himno tardaría aínda algo máis dun lustro en ser presentado oficialmente en Galiza, nunha homenaxe a Rosalía de Castro en Pontevedra, o 19 de Xaneiro de 1913

-    A Real Academia. De novo, o papel desenvolvido por Fontenla Leal foi decisivo. É el quen convence a Curros Enríquez para encabezar a iniciativa, constituíndose en Xuño de 1905 a Asociación Iniciadora da Academia. Inmediatamente despois póñense en contacto con Murguía, quen impulsa a creación da Academia en Galiza, quedando esta constituída oficialmente na Coruña no ano 1906. A Asociación Iniciadora, dende A Habana, sufragará tamén os gastos da Institución galega durante décadas.

Son este tres exemplos claros de que a colectividade galega emigrada non perdera, como conxunto, o seu sentido de pertenza á Patria, xa for Patria “pequena” para algúns, xa for a Patria, sen máis, para os máis conscientes.

O sentimento aínda hoxe intuitivo para a maior parte do pobo galego do que somos, tan de atrás, e tan falto nestes días de eclosión para verquir o que nós significamos sobor da nosa propia Terra, e tamén do mundo que está ao noso redor. Que podo escribir disto eiquí que non estea xa escrito, ben máis fermosamente, por tantos e tan bos dende os Precursores hai xa máis dun século e medio?

Pois iso. Saúde e Patria.


Unha voz incríbel tomou o ISA; Concerto de Pablo Milanés

Escrito por xabivillares 12-06-2011 en General. Comentarios (1)

Que voz. Que clase de voz… iso foi, honestamente, o primeiro que pensei cando comezou o concerto. O primeiro que lle dixen a Alberto. Foi antonte, nos xardíns do ISA (Instituto Superior de Arte).

Eramos ben pouquiños. O concerto decidírase- decidiuno- facer dous días antes, nunha comida en casa de Pablo. Cónstame ben. Así que non houbo tempo de anunciar demasiado, pero Pablito cantaría no 35 aniversario do ISA para os estudantes de arte da Habana- e para os que non, pois tamén.

E, efectivamente, pois que voz. Aos seus 68 anos, simplemente foi abraiante desfrutar daquel espectáculo. Amábel e agradecido, de radiante branco, aló subiu. Concerto variado, de estrea con novas versións de temas clásicos, tocou dende “Yolanda”, “Proposiciones” e “Reina de Colores”, até temas do novo disco “Regalo”. Incríbeis solos do saxofonista Germán Velasco inundaban unhas cancións cheas de cor e vida, revitalizadas. O único que botei de menos, foi algunha letra de contidos subersivos de antano, que disque algunha tiña feito. Non foi desta.

E nun par de semanas, xira por Europa, seica. Un non parar.

As fotos, mañá, onde sempre:
http://xabivillares.tumblr.com/

JCE Ernesto Guevara 2010-2011

Escrito por xabivillares 09-06-2011 en General. Comentarios (1)

Neste semestre celebrouse na Facultade e en toda a UH a Jornada Científica Estudiantil. Estas xornadas, de celebración anual, serven de exposición dos traballos finais de calquera materia realizados durante o curso polo estudantado en tódalas áreas do coñecemento, así como anteproxectos de tese, e ademais son un inestimábel adestramento académico, pois todos sen excepción deben elaborarse co esquema típico de tese.

No caso da nosa Facultade, a JCE Ernesto Guevara estivo dedicada neste ano- de carácter nominal, non varía o contido da Xornada certamente- ao 50 aniversario das Declaracións “Cuba: territorio ceibe de analfabetismo” e do “Carácter socialista da Revolución”. Os traballos preséntanse en torno a cinco eixos en respectivas comisións: planificación ao debate; a empresa socialista,; retos actuais da economía cubana; desenvolvemento, integración e economía mundial; e transición ao socialismo.

Conxuntamente, celébranse nesas datas talleres de informatización, historia ou defensa- si, defensa-, así como concursos de matemáticas, inglés, economía cubana etc.
Tamén ten lugar neste marco o Campeonato Interaño de Ortografía, que pode parecer unha carallada, pero nun país onde o “c”, o “z” e o “s” pronúncianse indistintamente, a cousa ponse realmente “sabrosa”, como din eiquí.
Teñen lugar tamén diversos ciclos de conferencias, co que é un evento bastante completo.

Eu pola miña banda presentei un traballiño para a Comisión de Planificación, “Historia da Planificación no Estado español”, que aínda saíu bastante ben parado, baixo unha pregunta-hipótese ao redor de que tipos de planificación hai no capitalismo, e máis concretamente no caso peninsular. Os interesados en tan apaixonante tema poden poñerse en contacto comigo, que até llelo mando e todo.

Cuba é cinema

Escrito por xabivillares 06-06-2011 en General. Comentarios (4)

Cuba é cinema, entre moitas outras cousas. Pero resulta abraiante o arraigado que este arte está neste país, na xente, na súa produción, no que aquí se fai.

Isto ten como consecuencia, por unha banda, unha produción nacional de gran calidade e recoñecemento internacional. Neste ano déronse algúns films soados na Illa, como a lixeira “Afinidades” ou a tráxica “Boleto al Paraíso”, pero realmente o ICAIC (Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos) leva enxendrado e parido- valla a expresión- verdadeiros clásicos do cine universal nestes 50 anos, dende o monólogo interior de “Memorias del Subdesarrollo” até a hipergalardoada “Fresa y Chocolate”, sobrepasando calquera tipo de censura- para sorpresa de moitos- e mostrando que aquí poden facerse e fanse cousas extraordinariamente boas. Particular mención a imprescindíbel- e xa case desaparecida nas librarías- guía recentemente editada polo propio ICAIC, “Los cien caminos del cine cubano”- 500 páxinas cheas de información de primeira a adquirir por uns 70 cts de €.

Por outro lado, numerosos festivais de cinema se celebran na capital habaneira ao longo do ano. Xa vos falara no seu momento do Festival Internacioanl de Nuevo Cine Latinoamericano, celebrado en Decembro, e no que a xente adoita ver, en menos de tres semanas, 40 ou 50 películas- fan verdadeiras competicións nisto. Recentemente veuse de celebrar o Festival de Cine Español, onde o máis agardado foi o premiado documental "Bicicleta, cuchara, manzana" de Pasqual Maragall, presentación á cal asistiu o propio Maragall.

Neste intre está en marcha o XIV Festival de Cine Francés en Cuba, que ocupa tódalas salas relevantes da capital e moitas outras por todo o país. De novo, presentacións de luxo en cada ocasión, con actuacións en directo como a do actor e músico Louis-Ronan Choisy na estrea de “Le Refuge”, ou a aparición da actriz cubana Yahima Torres, protagonista do film “Vénus Noire”, baseado en arrepiante historia real.

En definitiva, este país, tan cheo de cultura e visións do mundo, tan cargado de esperanza e de contradicións, irradia un xenio propio dunha luz insobornábel. Madia leva. E que mellor forma de expresala que a través da imaxe e o son, penso. E vai ser iso…

Cousas que che sorprenden cando vives na Habana (II)

Escrito por xabivillares 04-06-2011 en General. Comentarios (1)



- O inexistente respecto que hai polos carros na estrada; a xente cruza polo medio e medio das avenidas, ao seu serodio paso. De feito, os carros pitan cando ven aos peóns como a 20 metros, e van decelerando até que aqueles rematan de pasar. Abraiante.

 

- Botarse adurmir en calquera intre e lugar, de xeito que agachan a cabeza entre os brazos e botan un sono, no autobús, nos 5 minutos entre clase e clase…etc


- No carné aparece a suposta raza do seu usufrutuario, cando resulta case que imposíbel determinar a raza exacta de alguén neste país se non é por análise xenético:cor dos ollos, da pel, o pelo, os beizos, as cadeiras…cada parte do corpo di unha cousa diferente, e todo o mundo ten brancos e negros ou se cadra indios e asiáticos na familia.


- A pasta dedentes que se emprega como adhesivo universal. Iso aprendino na FEU, e a verdade é que lles funciona bastante ben!


- Os nomes dos cubanos sonvos un verdadeiro relatorio de imaxinación, e ás veces do insulto cara os fillos: Yuneisi, Oslyn, Yunesisleidi, Usnavy (que ven de U.S. Navy), Yotuel (nosotros, vosotros…), Yasmani, Yordanis… e tamén moito nome francés como Ivette ou Lisset… están pirados.


- Os 3 matrimonios de media por persoa, e é que aos cubanos encántalles casarse, pero máis aínda divorciarse. Eu só coñezo a unha persoa nesta illa- cando menos que ronde a vintena- que teña aos pais casados dende antes que el nacera, non tiveran matrimonio nin fillos antes, e sigan xuntos. E debín falar disto como con 40 persoas. A muller ten moita liberdade neste país realmente para decidir sobre o seu corpo e sobre o seu futuro, e por outrabanda esta xente échevos moi fogosa e logo cambia de parecer ca parella. Cuba é así.


- Celebran cada aniversario coma se fora o derradeiro, montan festas cantas poden con isto, e é algo que aparece en tódolos murais de centros de traballo e estudo. Parabenízanse co corazón este día.

 

- As unllas das mulleres, da maioría cando menos, teñen detrás horas de traballo. Fanse figuriñas nelas, e todo con cores chamativos. É unha desas características polas que distingues a unha cubana dunha estranxeira. Abofé.