Xabier I Villares; distrito: La Habana

General

Exteriores do Gran Teatro da Habana- Centro Social Galego

Escrito por xabivillares 01-06-2011 en General. Comentarios (2)


O Centro Galego constrúese entre 1907 e 1914 ao redor do Teatro Tacón- de tal xeito que este nunca é derruído-, que abrira as súas portas en 1838. Queda entón esta estrutura no corazón do Centro, como  sala principal, ao tempo que se lle da unha volta aos seus interiores. O resto da edificación que constitúe o Centro créase colléndolle espazo ao Parque Central, xusto en fronte da constución.

 

En 1907 comezan entón estas obras, e a primeira pedra que se pon é mesmo traída das canteiras de Parga, en Lugo. Para o solemne acto créase até unha peza musical. E é precisamente neste ano, o 20 de Decembro, que se produce a estrea do Himno Nacional Galego por obra e graza do ferrolán José Fontenla Leal.

 

Desta construción integrada, co edificio de tipo neobarroco que se ergue en torno ao Tacón como sede galega propiamente,que sería o Pazo Social onde quedaría situado finalmente o Centro Galego, sae o que hoxe se lle chama Gran Teatro da Habana.

 

Subirei algunha dos interiores e comentarei algunha cousa. Polo de agora, algunhas fotos dos exteriores, poderedes atopalas mañá mesmo eiquí:


http://xabivillares.tumblr.com/

“Democracia Real Ya” trouxo a Revolución? Pregunto

Escrito por xabivillares 30-05-2011 en General. Comentarios (3)


Nestas últimas semanas de movementos nas diferentes cidades do Estado español, a cobertura que se está a dar dende os medios de comunicación cubanos ao asunto é bastante ampla.

 

Cada dous días aproximadamente, aparecen na sección internacional do Granma noticias relacionadas co que está a acontecer

 

Mostraron en televisión imaxes do desaloxo da policía en Barcelona nesta semana, e onte emitiron no telexornal de Telerebelde imaxes da concentración de apoio ao15-M dende París, onde se podían ler faixas de apoio á “revolución española”, o cal conmociona a calquera, e un pensa que o socialismo chegou xa mentres un está a cursar un ano en Cuba- que cousas.

 

Aínda que dende aquí segue a semellar todo un tanto contraditorio, e nin os cubanos se explican moi ben cando comentan, xa que parece ser que en plena ebulición da protesta o PP saca maiorías absolutas até debaixo dos cantos.

 

Aparece outro tipo na televisión hai unha semana pedindo “que a xente non vote ao PP nin ao PSOE; só a partidos pequenos, en branco ou nulo”. Desconcertante.

 

A prensa de alén do mar- “alén” dende aquí, digo- tampouco me esclarece gran cousa a situación. Refírome en canto a impresións sobre o terreo, palabras sobre o asunto hai para aburrir. Só algún blogue ocasional e os vosos correos- sobre todo- agasállanme un fío de luz sobre isto.

 

Non sei. Digo eu que todo movemento desmobilizador nas urnas electorais, que non leve aparellado un cambio “revolucionario” -dun ou outro xeito, como sexa- no carácter do sistema, que non o fira na súa base- a saber, un cambio na titularidade dos medios de produción e no modo en que este último se organiza-, e sen base ideolóxica clara… apaixonantes debates poden darse pero…dende aquí vese todo moi, moi neboento, embarullado.

 

Eu seguirei por eiquí ás miñas cousas e tal. Pero teño unhas ganas tolas de volver a Galiza- aínda que non o creades.

Cascudiño e o Comeghén

Escrito por xabivillares 29-05-2011 en General. Comentarios (1)


Aconteceu nun tempo atrás, case indefinido, nesta Illa de acontecementos abraiantes e imprevisíbeis

 

O Cascudiño estaba a ler nunha noite non sei que lerias- da escola, seguro-, na súa habitación, cando escoitou uns berros do seu socio Frank na área.”Invasión de langostas!”, escoitouse. “Pero eran langostas ou mangostas?”, preguntaba despreocupadamente o Cascu aínda dende o cuarto, mentres saía para atoparse co seu compañeiro. Pero vaia sorpresa, cando as luces da estancia estaban case tapadas por infinitos bechos voando por tódalas esquinas!

 

“E serán mosquitos?”. “Non, deben ser formigas con as…”, contestou o Frank. “Que non, son demasiado grandes para seren formigas!”. “Compañeiro, aquí hai formigas do tamaño do teu pulgar”. ”Certo…”.

 

Nin formigas, nin mosquitos, nin langostas- nin mangostas. Era o becho da madeira, o fero Comeghén, que estaba a se reproducir nesta noite de primavera. Danza de apareamento, que inundou tódalas zonas do piso onde houbera un chisco de luz., para ao día seguinte aparecer todos mortos, cas larvas na madeira de novo. E veña a escarallar mobles e portas, mesas e libros, papeis e todo canto collan. Estas larvas avanzan en liña recta até onde poden, e o seu é desfacer canto penetran.

 

E así até o ano que ven.


http://xabivillares.tumblr.com/

Uns instantes na xira de Silvio

Escrito por xabivillares 28-05-2011 en General. Comentarios (1)

O pasado Domingo Silvio estivo no Fanguito, un tranquilo barrio de Nuevo Vedado.

 

De pronto, nada máis comezar o artista invitado, púxose a chover. Todos dabamos por perdida a oportunidade. Choveu con máis forza, a chuzos, o cantautor marchou, Silvio saíu de novo presentando, e de súpeto… Omara Portuondo, lenda viva da canción cubana saíu cantar baixo a chuvia dous temas, onde as súas “Lágrimas negras” semellaron durar dous instantes.

 

A continuación, de novo Silvio, ledo, cordial, cando máis estaba a caer, saíu e deu todo un repertorio de máis dunha hora, interactuando ao máximo co público,e con dous temas aló arriba con Omara. Ergueuse, pedíronlle que quedara, sentou de novo. Así tres veces, baixo esa treboada de Maio. Calor e suor unían ao público naquel estreito abismo onde se produciu o acontecemento. En directo para toda Cuba, pero só uns poucos aló, resistindo con todo gusto. Inesquecíbel.

 

Fotos e máis fotos, nestes días;


http://xabivillares.tumblr.com/

Acto polo Día das Letras Galegas no antigo Centro Social Galego

Escrito por xabivillares 25-05-2011 en General. Comentarios (4)


O pasado xoves 19 de Maio conmemorouse tamén aquí o Día das Letras Galegas, no Gran Teatro da Habana, antigo Centro Social Galego, coincidindo ademais ca presentación de“Puentes”, ensaio sobre a emigración galega en Cuba.

 

Cando entrei na sala, o primeiro que me impactou nos ollos foi un gran retrato de Castelao na ala esquerda da estancia. “Por fin algo de simboloxía galega demócrata por eiquí!” , foi o primeiro que lle puiden comentar ao Sixto, rapaz habaneiro estreitamente vinculado ao Centro, de quen xa vos falei anteriormente.

 

O acto comezou ca presentación feita polo propio Sixto. Unha breve referencia ao 17 deMaio e á súa historia.

 

A continuación comezou o espectáculo- por dicir algo morno-, da man dun individuo chamado Ricardo Barnet, Secretario da Federación de Sociedades Asturianas en Cuba. O primeiro que un se pregunta, “por que este tipo é quen fai a presentación, se se encarga da Federación asturiana?”. Pero en seguida el nos deu a clave, ao explicar sen andrómenas aos presentes que “no hay gallegos, ni asturianos, ni andaluces… hay solo españoles, porque España solo es una”, perante o retrato do Castelao, que para o caso nin o seu nome se ouviu en toda a presentación- nin se menciona tampouco no libro en cuestion. Falou iso si do despolitizado poeta Curros Enríquez, da choromicas de Rosalía de Castro, “esa pobre mujer”, de José (?) Neira Vilas e do gran home e político que é Manuel Fraga Iribarne- a este, dedícanlle todo un capítulo de gabanzas no libro, humanizando ao eficiente ministro franquista, que visitou a Illa en dúas ocasións nos 90 como “Presidente de la Junta”, como se o que lle interesara a el fora o benestar dos cubanos, e non apañar votos na que semellaba inminente caída da Revolución.

 

Por último, unhas frases das autoras, Juana Fernández e Doreya Véliz, e fin do acto, sen unha soa mención, por certo, ao Lois.

 

O máis memorábel e entrañábel veu ao final. Coñecín a Yolanda Vidal, quen traballou durante 30 anos man a man con Pepe- Neira Vilas- no arquivo da emigración galega. Díxenlle de lle levar o libro cunha sinatura súa a Pepe, que lle había facer ilusión de seguro, pero finalmente levareino asinado pola propia autora. Así que xa teño deberes na volta a Galiza. Tamén me propuxeron facerllo chegar a Don Manuel. Deixo da man do voso maxín a miña contestación.