Xabier I Villares; distrito: La Habana

General

Brevísima crónica dunha “noite calquera”

Escrito por xabivillares 09-05-2011 en General. Comentarios (4)

O Sábado saín ca intención de ver tranquilamente unha obra de teatro no Ciervo Encantado – xa vos falara deles -pero a cousa estendeuse. Nesta ocasión, a súa aposta de teatro contemporáneo estaba ben máis dura que a anterior; “Novedades Galiano” é unha crítica contida- ou agochada- en encriptada conceptualidade, onde os actores enfróntase ao público expresando todo até ca punta dos dedos. A temática? Eu diría que Cuba e as súas traxedias, facendo fincapé no Período Especial, pero foivos tan metatrancoso que está difícil de discernir.

 

O próximo que tocou foi un concerto de Lynn Milanés- filla do seu pai, que andaba por aló- no Fabio, pois Faia- estudante ela tamén da USC en Cuba e ocasional compañeira de aventuras- recibiu un aviso do evento á saída do teatro. E aló fomos. Unha voz fermosísima nun pequeno concerto con bastante son brasileiro, temas propios e alleos e selecto público.

 

Á saída tivemos a oportunidade de ir á festa de peche da última película que se está a rodar na cidade, “Siete días en LaHabana”, que coido terá unha estrea ben sonada. Trátase de sete curtos dirixidos por sete directores- entre eles Emir Kusturica- e cun bo número dea ctores ben recoñecidos, como Benicio del Toro ou Daniel Brühl- que estaba por aló de carallada, e houbo un par de anécdotas bastante graciosas con el, que nesta bitácora me reservo, porque ao final un non sabe que fan con certa información. En xeral, había por aló bastante músico e actor famoso e famosetedo lugar. Faranduleos. Ah, e tamén coñecín a Pablo Milanés, iso si. De feito convidárannos el e a muller, e leváronnos até a festa. Unha noite bastante entretida, si, si.

Un pequeno achegamento ao Centro Galego

Escrito por xabivillares 07-05-2011 en General. Comentarios (3)

Facía xa algún tempo que tiña ganas de achegarme polo que fora o histórico Centro Social Gallego de La Habana, hoxe chamado Gran Teatro, a ver que había -ou quedaba- do colectivo que un século atrás supuxo a metade do total da inmigración chegada á Illa dende o Estado español.

 

Tiven o contacto perfecto nun coñecido ben recente chamado Sixto, un rapaz novo duns 22 anos, bo coñecedor da cultura galega, xa vinculado dende hai un lustro ao Centro.

 

Nada máis entrar, as luxosas escaleiras de mármore branco están presididas polo escudo de Galiza, e a través delas accedo ao corredor esquerdo. Chegando ao fondo do mesmo tópome ca porta: “SociedadesGallegas”. Pero atópase pechada, e avanzo un pouco máis para toparme con outra:“Sociedades españolas en Cuba”. En esencia, daban á mesma estancia, e é un simple detalle e unha curiosidade. Pero cando vin algo de cómo estaba a cousa por dentro, en seguidiña se lle atopan analoxías.

 

Repartidas en tres filas, atópanse aló a meirande parte das 49 asociacións galegas radicadas en Cuba a data de hoxe- todas agás as que teñen local propio na cidade, que non chegan ás 10. Moitas destas sociedades son de carácter unipersoal, levadas por netos de galegos.

 

Pero sen dúbida, o impacto maior veu dado pola cantidade de bandeiriñas de España e fotos de Don Manuel que vin nas vitrinas das sociedades, todas cos nomes sen normalizar (Valle del Oro, Lorenzana…etc). Ben, non é que agardara aló un recunch oinsospeitado do nacionalismo galego, ou de exacerbada resistencia progalaica, pero imaxinaba algo máis antigo e sereno, e dende logo non agardaba quecheirara dese xeito á Xunta do PP. Produciume unha sensación ben estraña, e nonpodo deixar de pensar con certa tristeza a imaxe que Fidel leva transmitidodalgún xeito do propio Fraga, pero tamén de Juan Carlos I e de outros personaxes desta beira do Atlántico ao mundo e ao propio pobo cubano*. En definitiva, custa lembrar que foi neste lugar onde por vez primeira se interpretara o HimnoNacional aló polo 1907.

 

O mellor sen dúbida foi falar un rato co Sixto, que está feito un erudito da literatura galega, emesmo me agasallou cun libro do Neira Vilas reeditado recentemente en Cuba, “Pescadores gallegos en La Habana”. Seguirei vencellado ao Centro nestes meses, e a ver que vou descubrindo.

 

 

*Recoméndovos, para comprender ben ao que me estou a referir, a lectura de “Cen horas con Fidel”, sobre todo o capítulo 23 “Cuba y España” deste famoso libro de conversas co home realizado por Ignacio Ramonet entre 2003 e 2005, e publicado en 2006.

1º de Maio na Habana

Escrito por xabivillares 04-05-2011 en General. Comentarios (2)

Un non se acostuma a isto de ter as manis a primeira hora da mañá, despois de toda a vida comezando a marcha ás 11 ou ás 12 do mediodía- igual que tampouco se acostuma a ter unha Decana comunista,despois de sufrir a Cancelo en económicas durante 3 anos; debiámoslle pagar unha viaxe a Cuba para que vira o que é unha verdadeira Decana que exerce e se preocupa polo que acontece nas aulas, pero este é ben outro tema. E desta volta, como había que estar no punto de encontro ás 5 da mañá- aínda que finalmente chegara hora emedia despois, iso das 5 é para asustar á xente-, optei por non durmir.

 

Se no desfile dos 50 anos da Vitoria de Girón fomos os derradeiros, neste os universitarios fomos os primeiros en pasar pola Praza da Revolución, así que se fixo moito menos agonizante, pois o sol estaba aínda baixo cando comezamos a camiñar ás 8 en punto. En total, 600.000 persoas pasearon pola Praza nese día nas máis de 2 horas de marcha na “capital dos traballadores de todo o mundo”. Por outra banda, e como era de agardar, Fidel non saíu, e Raúl estaba en Santiago.

 

Eu, como de costume, levei a bandeira da Patria comigo. O máis sinalábel foron un par de ikurriñas na zona das delegacións da Praza, cuxos portadores comezaron a sacarme fotos como tolos mentres nos mandabamos un saúdo: todo moi emotivo.

 

A continuación, calcinado para a cama até as 3 da tarde. Era necesario.

Fotos, en breves, no tumblr;

http://xabivillares.tumblr.com/

Acto do MST no Centro Martin Luther King da Habana

Escrito por xabivillares 01-05-2011 en General. Comentarios (2)

Onte día 30 de abril fun convidado a un interesante acontecemento: un acto do MST brasileiro en conmemoración do 15 aniversario da masacre de 19 compañeiros e compañeirasdurante un asentamento en Eldorado dos Carajás, o 17 de Abril do 1996.

 

O MST (Movemento dos trabalhadores rurais Sem Terra) é quizais o movemento social máis grande -e dende logo mellor organizado- do mundo. Con 27 anos de existencia, está presente en 25 dos 27 Estados do Brasil, e traballan nela máis de 6 millóns de persoas. O modus operandi que empregan para os seus propósitos consiste na ocupación dunha terra en desuso, propiedade legal dalgún latifundista, a través dun asentamento. Unha vez establecidos, comezan unha loita legal pola expropiación dese terreo ao amparo da Constitución brasileira, a cal recolle no seu artigo184 que o Estado terá obriga de “ expropiar por propósitos de interese social, por propósitos de reforma agraria, a propiedade rural que non estea a cumprir a súa función social”. Até o de agora, os tribunais do país déronlle a razón nun 80% dos casos.

 

Pero o máis abraiante da organización é sen dúbida o sentido de fraternidade que une aos seus membros, o código ético polo que se rexen, a confianza que depositan uns nos outros e a lealdade ao grupo ca que actúan. Cabe destacar que nin sequera se atopa rexistrada como tal en ningún censo de asociacións do país. É un movemento social puro, e isto non lles impediu avanzar durante as últimas tres décadas, aínda que non sen poucas dificultades. Dende os inicios até o ano 2004, levábanse rexistrados máis de 1600 asasinatos de persoas no campo relacionados caactividade do Movemento por parte de grupos paramilitares artellados polos grandes propietarios.

 

O acto en cuestión contou cunha emotiva cerimonia onde se nomearon aos compañeiros executados. A continuación proxectaron un documental sobre a existencia e actividade do MST, unhas palabras finais e pequena rolda de intervencións. Pedíronme que dixera algo, así que entre as intervencións do PT, Patria Roja,PCB, FSLN… houbo unha dun militante do BNG e membro da Liga Estudantil Galega-así me presentaron; así que xa somos internacionalmente coñecidos, como vedes.

Histórico VI Congreso do PCC (I)

Escrito por xabivillares 29-04-2011 en General. Comentarios (0)

Dende o pasado 16 de Abril até o día 19, e facéndoo coincidir cos 50 anos da vitoria de Playa Girón, celebrouse o VI Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC), cunha participación duns 1000 delegados, e de extraordinaria relevancia por diversas razóns.

 

En primeiro lugar, debemos destacar que, se ben historicamente os Congresos do PCC non se caracterizaron nunca pola proximidade entre os mesmos no tempo, o V Congreso celebrárase en 1997, co cal había 14 anos que non se convocaba este importante evento.

 

En segundo lugar, a profundidade do debate eos temas a tratar tiveron unha trascendencia alén de todo o aparencial ao ser ocentro do mesmo o Proxecto de Liñamentos da Política Económica e Social do Partido e a Revolución, documento que quedará para a historia e que en definitiva foi guía de tódalas reformas que de facto se están a aplicar durante este último ano. Trátase de revisar e reartellar o Modelo Económico despois de 20 anos de parálise no “sal se podes” ao que se viu sometida Cuba.

 

En terceiro lugar, o contexto no que se celebra, tanto nacional como internacional, é complicado. Dentro do país, a situación económica de permanente crise na que viviu o país dende a caída do CAME, fixo fendas no modelo e na sociedade cubana difíciles de obviar. Por outra banda, o país ten contraídas fortes débedas co exterior que terá que resolver nalgún intre (a débeda con China está renegociada para 2015), ademais da dependencia do ciclo político en Venezuela e da relevancia que ten para Cuba as eleccións do 2012 na República Bolivariana.

 

En cuarto lugar, será a primeira vez que Fidel non ocupe o Secretariado Primeiro do Partido, que se ben xa o abandonara en2008- pequeno detalle que explicou nunha Reflexión hai cousa dun mes, mentres falaba do periplo de Obama por América- produce un impacto político tanto dentro- ortodoxia comunista do Partido- como fóra- para ben e para mal.

 

O acontecemento inundou o país durante os meses previos e durante os días de celebración, pero neste intre segue a ser o principal tema de conversa na maioría dos círculos. E é que, dende as medidas xa tomadas antes do mesmo,até o lido por Raúl no Informe Central e as modificacións realizadas aos Liñamentos, o certo é que aínda que non sexan en realidade os máis relevantes,os cambios estanse a percibir xa na rúa. E a simple percepción move máis que a esencia… os primeiros meses.