Varadero non é Cuba

Escrito por xabivillares 08-10-2010 en General. Comentarios (10)

 

Non polo menos a Cuba que coñece­n ata chegar a este complexo hoteleiro situado ao norte da provincia de Matanzas.

 

Cando vas entrar, unha ponte separa Varadero do resto da illa principal. Esta ponte elévase e queda todo illado en  caso de calquera problema, algún roubo importante ou outro tipo de consideracións.

E en canto atravesas esta ponte apréciase a paulatina substitución dos letreiros de "todo por la Revolución"  por uns bilingües "disfrute de Varadero /enjoy Varadero" que resultan inquietantes.

A zona sur está colmada por unha serie de portos deportivos ao longo de toda a costa ata case a punta, mentres na zona norte érguense unha infinidade de hoteis a pé de praia, coa respectiva porción desta en forma de propiedade. Por certo que estas praias non son as paradisíacas que un se poida imaxinar. A pesar da area branca e fina que teñen,vense amplamente superadas polas Playas del Este que hai en Cidade Habana, a apenas unha hora da cidade propiamente dita, moito máis tranquilas, tamén de auga cristalina, menos masificadas e cas palmeiras case metidas no mar: unha verdadeira pasada.

O ambiente tamén é definitivo nesta dirección: cubanos e estranxeiros conviven en Varadero en non pouca harmonía, nas praias por unha banda e no ambiente nocturno por outra. Non é certo que os cubanos teñan vetada a entrada neste tipo de complexos. Algúns viven en Varadero mesmo de feito. Pero o resultado é menos apací­bel que nun lugar onde só haxa cubanos.

Podería dicir que o único que realmente me gustou foi un concerto ao aire libre de charanga no centro da cidade á noite. Aquí hai bos músicos por tódolos sitios¦

 

Os prezos son outro verdadeiro escándalo; case nada en moeda nacional (nin sequera os cubanos de alí sabían dos sitios) e aluguer bastante caro a menos que coñezas algún de antemán (nunca menos de 30CUC a noite).

 

Un proxecto para outro tipo de turismo, máis ao uso de quen busca desconectar. Entendí­bel para un europeo ou un americano que busca sol e praia. Incomprensíbel para quen queira entender como funciona isto, o bo e o malo. Trátase dunha grotesca burbulla.