Eddy, o artista da beca

Escrito por xabivillares 27-10-2010 en General. Comentarios (6)

Eddy leva algo menos de dous anos na beca, e a súa entrada nela foi triunfal: o abraiante cadro de 3 x 1.7 que preside a entrada da residencia foi doado por el á súa chegada. Nel están pintados os seis “Mártires de 12 & Malecón” que morreron tratando de salvar a unha anciá na casa que está do outro lado da rúa no 64, así como a propia casa (reconstruída e aínda en pé), o monumento do Malecón na honra destes mozos, a bandeira das FEU ca Medalla de Honra, a Alma Mater e as torres da beca, todo nun fondo de lume surrealista.

 

Pero isto é só unha pequena mostra do que é capaz de facer: vivos retratos coma fotos en cuestión de días, arte surrealista e un sen fin de temáticas compoñen o seu repertorio. Entre as súas obras destaca un xigantesco retrato realizado en branco e negro, só con palabras, coa cabeza dun home mirando de fronte, e dividida á metade: do lado esquerdo, textos sobre materialismo de Marx, Engels…  e do dereito idealismo platónico. O home que se debuxa é, ademais, o seu irmán. Ata que o vexades, non seredes conscientes do sobrecolledor que resulta.

 

Actualmente está á espera de expoñer a súa obra en diversas galerías da Habana, e os retratos realizados por el xa colgan das paredes das casas de moitas das celebridades da televisión, o cine, a música ou a radio cubanas.

 

Despois de realizar varias coleccións para exposicións no estranxeiro (Estado español, principalmente) e de comezar a definitiva conquista da capital cubana, tan só lle resta dar unha volta de torca máis ao seu traballo e demostrar nas galerías do resto do mundo o que é capaz de facer.

Xulgarédelo vós mesmos en vindeiros posts.